Que significa...?

  • Imposto de actividades económicas

    O IAE é un imposto directo, real e obrigatorio, que grava a realización de calquera tipo de actividade económica, tanto se é exercida por unha persoa física coma xurídica. Teñen que pagar este imposto as empresas ou entidades que obtiveron unha cifra neta de negocio igual ou superior ao millón de euros durante o penúltimo exercicio. A xestión deste imposto compártea o concello e a Administración tributaria do Estado.
  • Imposto de vehículos de tracción mecánica

    O imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) é un tributo directo que grava a titularidade dos vehículos aptos para circular por vías públicas. Teñen que pagar anualmente este imposto os propietarios de vehículos dados de alta. A xestión deste imposto é integramente municipal.
  • Imposto sobre bens inmobles

    O IBI é un imposto municipal, directo, real, obxectivo, periódico e obrigatorio, que grava o valor dos bens inmobles. Están obrigados a pagar este imposto os propietarios, usufructuarios ou concesionarios de calquera ben inmoble ou propiedade (piso, praza de garaxe, trasteiro, tenda, casa, despacho, etc.). En caso de transmisión, o novo propietario ten que pagar o imposto a partir do ano seguinte. A xestión deste imposto compártena o municipio e a Administración tributaria do Estado.
  • Imposto sobre construcións, instalacións e obras

    O ICIO é un tributo municipal que os Concellos poden esixir se previamente o aprobaron na ordenanza fiscal correspondente. O ICIO tense que pagar pola realización dentro do termo municipal de calquera construción, instalación ou obra para a cal se requira obter unha licenza urbanística ou presentar unha declaración responsable ou unha comunicación previa. A xestión deste imposto é integramente municipal.
  • Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana

    O IIVTNU é un tributo directo que grava o incremento de valor que experimentou un terreo mentres unha persoa foi propietaria dun piso, aparcadoiro, trasteiro, local, terreo, etc... Ten que pagar este imposto a persoa que vende un piso, unha praza de garaxe, un trasteiro, unha tenda, unha casa, etc..., polo incremento do valor que experimentou o terreo mentres foi propietario. No caso de herdanza ou doazón, é o novo propietario quen ten que pagar o imposto. A xestión deste imposto é integramente municipal.
  • O orzamento municipal

    O orzamento dun Concello é un documento que aproba o Pleno e especifica os gastos que como máximo se realizarán durante o exercicio e os ingresos que se prevén obter durante o mesmo período. Todas as entidades locais están obrigadas a aprobar o seu orzamento do ano no derradeiro trimestre do ano anterior. Desta maneira o 1 de xaneiro de cada ano teñen que ter o seu orzamento aprobado. Con todo, se ao comezar o ano non aprobasen o orzamento, a normativa estabelece que se prorroga automaticamente o do exercicio anterior.
  • Período medio de pago

    O indicador Período medio de pago (PMP) mide o prazo que transcorre dende a entrega dos bens ou a prestación dos servizos a cargo do provedor e o pago material da operación. Segundo a normativa vixente este período non pode superar os 30 días.
  • Regra do gasto

    A regra do gasto establece un teito de gasto para o orzamento das Administracións públicas. A normativa vixente establece que o gasto computable do orzamento do Concello non pode superar a taxa de referencia do produto interior bruto (PIB) a medio prazo da economía española, sendo posible superala unicamente no suposto de que ese exceso se compense con aumentos de ingresos de carácter permanente.
  • Remanente de tesourería para gastos xerais

    O remanente de tesourería para gastos xerais forma parte do estado de liquidación do orzamento e é a suma dos dereitos pendentes de cobro (do mesmo exercicio e do anterior) máis os fondos líquidos de tesourería e menos os créditos pendentes de pago (do mesmo exercicio e do anterior). Esta magnitude non significa un sobrante de tesourería, é sinxelamente o resultado líquido que se obtería no hipotético caso en que se cobrasen todos os dereitos recoñecidos e se pagasen todas as obrigas recoñecidas, tanto orzamentarias como non orzamentarias, tendo en conta as desviacións de financiamento afectadas positivas acumuladas.
  • Resultado orzamentario axustado

    O resultado orzamentario axustado forma parte do estado de liquidación do orzamento e é a diferenza entre os dereitos de cobro que se liquidaron no exercicio e as obrigacións de pago recoñecidas no mesmo período. Por tanto, é unha magnitude que reflicte o superávit ou déficit do exercicio do Concello. O resultado orzamentario tense que axustar coas obrigacións que se financian con remanente de tesourería para gastos xerais e as desviacións de financiamento do exercicio derivadas dos gastos con financiamento afectado, xa que estas circunstancias distorsionan o resultado orzamentario. Cando o resultado orzamentario axustado do exercicio é negativo, atopámonos diante dunha situación financeira que ten que ser analizada e se é o caso corrixida, xa que este saldo manifesta a incapacidade dos dereitos recoñecidos no exercicio para atender as obrigacións xeradas nel mesmo, e por tanto un incumprimento do principio de estabilidade orzamentaria.